Saturday 04 de May de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle este sábado a inauguración da exposición de pintura “O mundo máxico de Antón”


Trátase de 18 cadros elaborados por Antón Romero Piñeiro, rapaz de 10 anos de Portosín que padece autismo e que expresa as súas emocións a través do debuxo

A Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame acollerá este sábado 16 de xullo, ás 12:00 horas, o acto de inauguración da exposición de pintura “O mundo máxico de Antón”, de Antón Romero Piñeiro, un rapaz de 10 anos natural de Portosín e que padece un trastorno do espectro autista que non lle impide expresar a súa creatividade a través dos seus debuxos. Unha inauguración na que Antón e a súa familia estarán acompañados pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Cultura, María Regenjo.

“O mundo máxico de Antón” é unha selección de 18 obras debuxos de animais (cabalos, dragóns, vacas, ratos, cans…) realizados por Antón Romero e que destacan especialmente polo seu colorido. Como apunta no cartaz de presentación da exposición: “o que máis me gusta no mundo é debuxar animais. O debuxo axúdame moito a expresarme mellor (debuxo unha historia, cóntoa, ordéoa no tempo e no espazo…) pero tamén me axuda a relaxarme e a disfrutar”.

A exposición poderá visitarse na Casa da Cultura de Lousame ata o próximo 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A mostra conta coa colaboración da Asociación Gallega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e do Concello de Lousame.